miércoles, 23 de julio de 2014

A ÁREA DE MULLER DE ESQUERDA UNIDA CELEBROU UN COLOQUIO SOBRE A CONTRARREFORMA DA LEI DO ABORTO



O pasado día 17 de Xullo a Área comarcal de Muller de Esquerda Unida celebramos un coloquio sobre a Contrarreforma da Lei de Saúde Sexual e Reproductiva. Foi ás nove da tarde no Salón de Conferencias do Hotel Nueva Colina de Tomiño.

O acto, que se encadra dentro da campaña que estamos a realizar para advertir do recorte de dereitos que esta Contrarreforma supón para mulleres e profesionais, contou coa presenza de Isabel Blanco, xinecóloga no Servizo Galego de Saúde e Eva Solla, deputada no Parlamento de Galicia por Alternativa Galega de Esquerda.

Para Esquerda Unida é intolerable que o Goberno do Estado, reponsable do maior recorte de dereitos sociais da Historia recente, incluídos os dereitos da infancia, pretenda lexislar sobre o dereito individual de cada muller a decidir libremente sobre a súa maternidade.

Na súa intervención Eva Solla reclacou que "non podemos tolerar esta inxerencia na nosa liberdade. Trátase dunha cuestión de Dereitos Humanos, xa que, coma apunta a Organización Mundial da Saúde, a restricción do acceso ao aborto legal e seguro non reduce o número de abortos, se non que aumenta o número de abortos realizados en condicións inseguras".

Así mesmo, Solla fixo un repaso polos argumentos que o Partido Popular esgrime para defender dita Contrarreforma, lembrando que non existe reclamo social : " Todo o contrario: As mulleres estamos en contra e as profesionais tamén. Pero ademáis o PP nunca respetou o consenso ao que apela, recurrindo incluso, a Lei do ano 85 perante os tribunais"

Pola súa banda Isabel Blanco expuso a evolución da Interrupción Voluntaria do Embarazo na nosa Sanidade e lembrou que " A Lei actual non obriga ás mulleres a abortar, retirala obrigaría a dar luz. Pedimos que se respete a liberdade da muller"

Esquerda Unida defende a Educación Sexual e a necesidade dun acceso igualitario aos métodos anticonceptivos para todas as mulleres, así coma o libre dereito a un aborto legal e seguro na Sanidade Pública, fora tamén do Código Penal para mulleres e profesionais sanitarios e sanitarias.